Saturday 18 de May de 2024

Aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Ordes


Entre as melloras realizadas polo Concello para este curso figura o aumento de profesorado e de horas lectivas, clases individualizadas ou sesións para os máis cativos. Ademais o centro estrea nova páxina web www.emmordes.com

Ata o próximo 25 de setembro permanecerá aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Ordes. Este ano pódese optar a clases de óboe, clarinete, frauta, saxofón, fagot, trompeta, tromba, trombón, bombardino, tuba e percusión.

Concretamente son tres os niveis que se ofertan en función dos cales tamén se pode optar a outro tipo de clases e coñecementos. Así no nivel básico inclúese música e movemento e conxunto instrumental; no nivel medio impártese linguaxe musical, banda xuvenil e big band; mentres que no avanzado hai tamén harmonía e composición, bandas xuvenil, big band e curso de preparación para o conservatorio. En todos eles figuran as clases de instrumentos (piano e guitarra no medio e avanzado).

A Escola Municipal de Música de Ordes presenta este ano unha serie de melloras co fin de incrementar a calidade do seu servizo, o cal vai dirixido a xente de todas as idades. Entre as medidas adoptadas polo Concello de Ordes figuran a ampliación do cadro do profesorado, pasando de tres a sete mestres; clases de 45 minutos de instrumento individualizadas; unha hora semanal de clases e coñecementos teóricos, música moderna, clásica e música e movemento para os cativos a partir de 4 anos.

Outra das novidades que se presentan este curso é a creación dunha páxina web na que se pode atopar toda a información sobre a escola www.emmordes.com